13.7.12

Xoves, 12 de xullo.

Así como tiñamos previsto, erguémonos ás 5:00h. e dirixímonos ao mostrador de recepción para tramitar a saída e esperar pola furgoneta do hotel que nos trasladaría ata a terminal T1 do aeroporto de Barajas. Os pequenos e mais eu fixemos uso do transporte do hotel e Carlos veu detrás co coche de aluguer posto que debiamos deixalo no aparcamento do aeroporto e depositar as chaves nun buzón da T1.



Dous carros foron suficientes para trasladar a equipaxe ata o mostrador de facturación de Lufthansa. Puxémonos ao final da longa cola pero axiña se nos achegou unha azafata indicándonos que tiñamos preferencia por viaxar con nenos/as. Así foi como, cos nosos billetes ultraeconómicos que non chegaron a 150€ por persoa ida e volta, facturamos en "Clase preferente" ;)


Con algo de medo a pasarnos de peso, fomos colocando os seis bolsos na cinta transportadora e observamos cun gran sorriso que o peso total era de 119,5 quilos sobre os 120 que poderiamos facturar como máximo. Que ben!!!

Coas seis "mochilinhas" ao lombo e cando aínda eran as 6:30h. dirixímonos á porta de embarque para almorzar na cafetería máis próxima a ela. A saída do voo foi puntual e voamos durante 2 horas para tomar terra en Munich. Tres horas despois embarcamos de novo para voar ata Kiev (Kyiv) a onde chegamos tras outras 2 horas no aire e cunha gran exactitude sobre o horario previsto. Aí foi onde nos enredamos algo máis, na espera pola furgoneta que tiñamos alugada pero tamén a espera mereceu a pena... Que amplitude e comodidade!!!


Saímos da Terminal F do aeroporto de Kiev ben guiados polo GPS que levabamos xa da casa e levounos baixo unha intensa chuvia durante media hora ata a porta mesmo do albergue no que tiñamos reservada unha habitación séxtuple. Parados xusto diante do albergue non eramos quen de identificalo pois a verdade é que se trataba dun oitavo piso nun edificio moi vello e marcadamente soviético ;) Tanto a rapaza como o rapaz que atendían foron moi amables explicándonos os espazos comúns e indicándonos cal era o noso cuarto. Que ganas de probar esas camiñas de cores!!!

Pero fixemos un último esforzo saíndo cear a un bar próximo e tamén moi acolledor, nas paredes había moitas estanterías cheas de libros escritos en ruso... Que boa cousa ten que ser saber idiomas!!! 


E ata case as 12:00h. aguantamos en pé pois ao chegar de volta aínda nos puxemos a "facer paquetes" para intentar mañá chegar a algúns dos orfanatos que temos intención de visitar. Pero iso xa volo contaremos mañá, agora toca descansar despois dun día intenso e cheo de ensinanzas ;)

Boas noites!!!

2 comentários:

Irene disse...

Que ben poder seguirvos así de pretiño e saber como van indo as cousiñas...
Menudo día o de onte, desde logo está sendo intensa a viaxe, pero o importante é que tanto sacrificio vaia dando xa os seus froitos... Esperamos ansiosos máis novas ;)
Por certo, noraboa a Iago por esa oportunidade :)
Sorte amiguiños!!

Sabela disse...

Moitas grazas Irene. Saber que nos seguides énchenos de ánimo e forzas ;)

Biquiños!!!