13.7.12

Venres, 13 de xullo.

Buff!!! Se o día de onte foi intenso, o de hoxe non o foi menos...

Erguémonos pouco despois das 8:00 e fómonos preparando mentres Carlos se achegou ao súper para mercar pan, leite e algo de bollería. Almorzamos con comodidade no albergue, na cociña que compartimos cos outros hóspedes.


Aínda faltaban dous minutos para as 10:00 cando baixamos as "mochilinhas de cores" ata o portal (repartimos o peso de cada bolso grande nas mochiliñas máis pequenas porque nos pareceu máis atractivo para levarlles). Daquela xa estaba no portal Наталия así como quedaramos hai xa uns días. Metemos todo no coche e saímos cara a Boyarca. Canto agradecemos a axuda desta rapaza!!!


Despois de recorrer 40 quilómetros cara ao sur do país, chegamos ao primeiro orfanato que queriamos visitar. Alí nos recibiu a directora, algunhas traballadoras e un grupo de rapaces adolescentes que viven alí. Explicáronnos que os nenos e nenas máis pequenos estaban pasando o verán en lugares como Italia, España e incluso América. Contáronnos que precisaban esas estancias fóra de Ucraína para mellorar a súa saúde que tantas veces é escasa. Ensináronnos as instalacións e sorprendeunos o renovado e coidado que estaba o fogar, nel viven 70 nenos e nenas.
Alegráronse moito de que os visitásemos e repetían o seu agradecemento mostrándose moi contentos co material que lles levamos. Que ben!!




A continuación fixemos outros 10km aproximadamente pero, nin co GPS nin coa inestimable axuda de Наталия fomos quen de dar co orfanato que buscabamos :(
Chegamos a outro no que tamén fomos recibidos con gran satisfacción tanto por parte das coidadoras como polos nenos e nenas. Ata xogamos ao "corro" con cancións ucraínas!!!




Neste tremendo edificio viven máis de 80 nenos e nenas, dixéronnos que o máis pequeno ten tan só dúas semanas e os maiores son de sete anos. Parece ser que teñen moitos pequeniños aillados por culpa de enfermidades infecciosas e estivemos un pedaciño cos "maiores" que daquela remataban de xantar.



E regresamos ao centro de Kiev (Kyiv), alí comemos con Наталия e despois despedímola para continuar nós os seis visitando a cidade pola nosa conta. Mañá verémonos de novo con ela ás 10:00 na porta do albergue para facer unha nova expedición. É encantadora!!!


Saímos da Praza da Independencia e camiñamos un bo treito, chamáronnos a atención as grandes avenidas da época soviética, as múltiples igrexas ortodoxas con tremendas cúpulas douradas, as peculiaridades do lugar e das súas xentes...







E rematamos do outro lado do río Dnieper tras atravesar unha impresionante ponte á par do Metro. Nunha zona de area aproveitamos para sentar un pedaciño, mollar os pés e tamén houbo quen non dubidou en sacar a roupa para desfrutar dun reconfortante e divertido baño nas augas do río que atravesa a cidade...




De volta ao albergue descansamos un pouquiño antes de ducharnos e saír cear a un restaurante de cociña soviética. Aínda que a entrada ao albergue é máis ben cutre, no cuarto atopámonos moi cómodos e hai que dicir que hoxe especialmente contentos tras as fondas emocións que vivimos...



... e mañá máis!!! Boas noites.

3 comentários:

Sara disse...

Ola todos. Como debedes disfrutar con todas esas visitas! Ademais a cidade é preciosa! Unha aperta.

Sara disse...

Ola todos. Como debedes disfrutar con todas esas visitas! Ademais a cidade é preciosa! Unha aperta.

Sabela disse...

Pois si Sara, estamos encantadas!!! Moitos bicos e grazas por comentar.