15.7.12

Sábado, 14 de xullo.

Alá vai xa outro día completísimo!!!

Despois de almorzar no albergue baixamos para cambiar de novo euros por grivnas e atoparnos con Наталия. Igual ca onte, desfixemos outros dous bolsos grandes (e van catro de seis) para levar o material en mochiliñas de menor tamaño e maior colorido ;)

Hai que ver con que gusto cargamos con elas!!!




Hoxe comezamos a expedición con peor pé ca onte pois cando aínda estabamos intentando saír de Kiev cometemos unha pequena infracción de tráfico con tal sorte que axiña a policía nos deu o alto :( Quedáronse co carné de Carlos ata que interviu Наталия quen, coñecedora dos costumes do seu país, ofreceulles cartos ata que nolo devolveron por 200 UAH (20 €). Que susto e que mal rollo!!!

Seguimos coa gran axuda do GPS e a facilidade dela para comunicarse coa xente. Así conseguimos chegar, tras circular durante 50 km. e un montón de tempo por estradas realmente malas ao primeiro orfanato que queriamos visitar. A verdade é que, tras a boa impresión que nos deron os de onte, Наталия falou cunha amiga que lle indicou o enderezo deste no que vimos grandes carencias e necesidades. De feito, deixámoslles máis mochiliñas das inicialmente previstas. O aspecto dos nenos e nenas que vimos era de moita necesidade e falta de saúde, comprenderedes que non fixeramos fotos con eles pois consideramos que sería unha falta de respecto á súa intimidade; deixámoslle as mochilas á directora e fíxonos pasar a unha sala para que algúns dos 105 nenos de entre 0 e 4 anos que alí viven, nos desen as grazas. Só dicirvos que no mesmo local ao que nos asomamos había un grupiño comendo mentres outros, xusto ao lado destes, facían as súas necesidades sentadiños nunhas bacinillas ao tempo que falaban con nós...




Saímos deste orfanato e circulamos por ese mesmo tipo de estradas ata chegarmos á localidade de Bucha e dar con outro lugar no que viven 238 nenos e nenas de idades moi variadas. A verdade é que aquí non vimos que houbese moita necesidade pero, despois de chegar alí e dicirnos a encargada que efectivamente precisaban material escolar, decidimos deixarlles unha parte do que levabamos antes de marchar de novo para Kiev.


Ao chegar outra vez á capital fomos xantar ao mesmo restaurante de comida soviética ca onte. Resúltanos moi cómodo porque é autoservizo ademais de ser a comida abundante e barata. Despois decidimos seguir coñecendo a cidade e para iso iniciamos o longo percorrido por ela nun gran parque no que atopamos o Museo das Bonecas, atraccións infantís, o paseo dos namorados e tamén puidemos ver o Estadio do Dynamo de Kiev.





De volta ao coche tivemos un pequeno incidente sen importancia pois perdémonos de vista os uns dos outros, dun lado Наталия con Carlos e Rosalía e por outro Paulo, Ánxela, Iago e mais eu, os móbiles non nos funcionaron pero como tanto uns coma os outros sabiamos chegar ata o punto onde deixaramos a furgoneta atopámonos alí despois dun bo pedazo ;)

E antes de regresar ao albergue localizamos o Estadio Olimpiyskiy de Kiev pois, principalmente a Ánxela e a Rosalía, facíalles moita ilusión ver o lugar no que se xogaron os partidos da Eurocopa. Chegamos alí entre unha tremenda marea de xente que acudía para ver o partido do Dynamo de Kiev. Tras observar durante un pedazo o ambiente creado arredor do estadio, regresamos ao albergue despois de case doce horas fóra del.


Antes deixamos a Наталия e despedímonos dela con moita gratitude. Foi tremendamente simpática, agradable, atenta, mostrábase ela moi agradecida e incluso hoxe lles trouxo unhas piruletas e cousiñas para Paulo e Rosalía. Canto cariño lle collemos en tan só dous días... Ogallá poidamos vernos de novo algún día!!!

O regreso ao albergue foi algo máis complicado xa que o GPS, que de tantos apuros nos sacou xa nestes tres días, deixou de funcionar cando intentaba programalo para voltar a casa.
Buff! Por un momento vimos a necesidade de mercar outro de seguida, pero despois pensamos en cantos países nos desenvolvimos cun simple mapa de estradas antes de que existisen tales aparellos.
Así que, a non ser que resucite durante esta noite, mañá lanzarémonos á aventura de atravesar este enorme país (disque é o segundo de Europa en superficie) de norte a sur coa única axuda do mapa de papel...

Esperamos axiña poder darvos noticias desde o Mar Negro, a ver se desde alí tamén temos oportunidade de conexión a Internet e así seguiremos mantendo este contacto con vós que tanto nos presta.

Boas noites!!!

PD A nosa equipaxe xa pesa case 100 quilos menos ;))))))

5 comentários:

Anónimo disse...

Estamos aqui no bar do cruceiro de pastoriza seguindovos na vosa viaxe..
Seguide pasando moi ben e xa vos vemos no mar negro... Apertas
pepa, laura e esther

Belén disse...

Ola amigos: que emoción sinto con todo o que contades. Alégrome por vós e tamén por eses nenos, que de seguro van quedar encantados coa vosa visita. Moitos biquiños a todos

rodrigo tubio disse...

Boas Sabela, xa vexo que todo está saíndo moi ben, a verdade é que debe ser unha experiencia moi gratificante.
Paréceme incrible o da policía, xa casi vos amolan o día.

Si máis xente seguira o voso exemplo, o mundo funcionaría moito mellor!

Moita sorte e dalle saúdos a todos, especialmente a Paulo.

Bks

Unknown disse...

Esta viaxe énchenos de alegría a todos os que vos demos unha parte de nós para que forades os nosos mensaxeiros de boas novas. Bicos e que todo vaia moi ben...

Sabela disse...

Moitísimas grazas Pepa, Laura, Esther, Belén, Rodrigo e Retelladores do galiñeiro por comentar, por acompañarnos, por animarnos e por facer posible todo isto do que -sen dúbida- nós somos os primeiros beneficiados. Que satisfacción!!!
Bicos para todos vós.