12.7.12

Mércores, 11 de xullo.

Aínda que as mochilas quedaron preparadas de onte á noite, non fomos quen de saír da casa ata as 11:45

O retraso foi debido a que imprimimos xa as tarxetas de embarque desde a casa, tanto para o traxecto Madrid-Munich como para Munich-Kiev asegurándonos así de poder sentar xuntos que nos presta máis. Outro motivo para retrasarnos pero que mereceu a pena con creces foi unha chamada da Consellería de Educación cando iamos saír, tras o primeiro susto (crin que me querían algo a min) levamos a alegría de que lle ofertaban a Iago unha praza (estaba como suplente pero xa sen esperanza ningunha) para pasar o mes de setembro en Canadá dentro do que antes eran as bolsas de Inmersión Lingüísica. 
Collémola polos pelos pero encantados!!!

Como dicía, feitos todos eses trámites e cos coches xa cargados, saímos de Muimenta cara a Madrid. Diante ían, no coche de aluguer, Carlos e Rosalía e seguíamolos de preto Ánxela, Iago, Paulo e mais eu no noso coche.

Unha paradiña para estirar as pernas, outra para xantar e unha terceira para botar gasóleo fixeron que ás 18:30h. estivésemos xa instalados no Hotel Osuna que tan cómodo nos resulta como primeira parada nas nosas viaxes fóra de España.


Démonos un baño refrescante na piscina para aliviar as altas temperaturas do mes de xullo madrileño e tras unha non menos reconfortante ducha, saímos cear nunha terraza da Calle Alcalá. 
Evitamos ir ata o centro ante a necesidade de deitarnos cedo... Deste xeito, ás 22:30h. metémonos na cama: nun cuarto Carlos, Rosalía e Iago e noutro Ánxela, Paulo e mais eu.

Co despertador posto para as 5:00h. intentamos conciliar o sono axiña pero a verdade é que a emoción é tanta que fai que non sexa doado conseguilo...

Ata mañá!!!

Sem comentários: