Das tres ONGs españolas ás que enviei correos electrónicos insistentemente xa que colaboran con orfanatos da antiga URSS ben traendo nenos e nenas a pasar o verán a España ou ben mediante a tramitación de adopcións internacionais con eses países; desas tres ONGs contestoume unicamente unha delas remitíndome a outra entidade da que tampouco souben nada máis :(
Ocorreuseme entón poñerme en contacto coa Embaixada de Ucraína en España http://www.mfa.gov.ua/spain/sp/1316.htm e contestáronme facilitándome o enderezo postal de catro dos numerosos orfanatos que hai en Kiev. Digo numerosos porque na miña incansable búsqueda por Internet atopei unha listaxe na que me consta que só figuran algúns deles e hai nada menos que 143 nos que viven, nunhas condicións máis que humildes, algo máis de 20 000 nenos e nenas!!!
Tamén a través de José Manuel de Orfanatos del Este, quen sempre está aí e me anima a continuar (gracias, José M.) cheguei a contactar cunha Asociación ucraniana creada en 2007 e que presta axuda a centos de menores e tamén maiores con graves deficiencias físicas e psíquicas. Fan unha interesante e valiosísima labor con estas persoas, se vos interesa podedes ver parte do seu traballo en http://deti.zp.ua/eng/show_article.php?a_id=90002 Aínda que barallamos a posibilidade de visitar Zaporizhia (rexión na que viven) dámonos de conta de que non resulta compatible coa nosa organización da viaxe, entre outras cousas porque está a máis de 1000 km. de Kiev e o desprazamento por aquelas estradas é lento e dificultoso. Consecuentemente non será factible vernos aínda que non desbotamos achegarlles algún tipo de axuda. Estamos en contacto para coñecer as súas necesidades que non son poucas...
Agora mesmo ando cunha nova remesa de cartas para enviar ós tres orfanatos cos que xa intentei o contacto noutras ocasións e mais a outros dous situados nas proximidades do Mar Negro pois, paralelamente a todo isto, empezo xa a intentar definir os lugares que imos visitar e que estarán en función dos orfanatos cos que contacte. A verdade é que me gustaría aproveitar estes días de vacacións de Nadal para contratar os albergues nos que imos pernoctar durante os once días que esteamos por alá.

Organizaremos a estancia contando con visitar eses orfanatos polo que, aínda no caso de non chegar a obter resposta deles, estamos dispostos a chegar igualmente a petarlles na porta para darlles os agasallos que con esta finalidade andamos a xuntar.
Outra idea a favor do Proxecto e que ando a cavilar nestes días por estar tamén relacionada coas vacacións de Nadal pódese resumir na máxima “Non hai mal que por ben non veña”. Como ben sabedes, gústanos moito viaxar e nestas datas de vacacións escolares adoitabamos facer unha pequena escapadiña de catro ou cinco días case sempre a terras portuguesas. Tamén moitas e moitos de vós sabedes que este ano estámolas a pasar na casa, sen opción a viaxar por motivos de saúde :(
Pois ando pensando en estimar o “aforro” que supón non saír estes días e cambiar eses euros por "grivnas" (moeda ucraniana) para investilos en Ucraína mercando alí algunha cousiña que nos digan que precisan, cónstanos que teñen moitas necesidades que se poden axudar a cubrir mercando alí (por exemplo, froita e comidas frescas). Parécenos unha opción moi interesante a de contribuír, ó mesmo tempo, a dar beneficios ós vendedores ucranianos. Non credes que é unha boa idea?
E así seguimos, pasiño a pasiño, con pequenos avances e moita ilusión.
Moitas grazas pola vosa axuda. Saber que estades aí é imprescindible para seguirmos adiante!!!!

2 comentários:
digo eu e será que "desconfíen" das cartas?, ou que teñan "normas oficiais" de non respostar????
paréceme moi ben como o estades enfocando, moiiiitos ánimos e forzas por aquí!!!
biquiños
rosana
Disque é frecuente o extravío de correspondencia por un mal funcionamento do servizo, non sei. Se cadra tamén hai algo de desconfianza, teño entendido que ás veces teñen razóns para desconfiar :(
O que menos me gusta é o silencio das ONGs...
Moitas grazas, Rosana! Un biquiño.
Enviar um comentário