21.7.12

Sábado, 21 de xullo.

Que panzada de quilómetros!!! Esta mañá acabamos de recoller a que foi a nosa casa durante estes seis días pasados. Pouco despois das 10 xa veu o paisano por alí para acabar de amañar contas e despedirnos.

Deste modo, dez minutos antes das 11 xa saiamos de Velikodolys´ke con dirección Kiev. Avanzamos a bo ritmo e a cada paso máis sorprendidos de que non nos parasen en ningún control policial... A verdade é que xa contabamos con perder tempo, paciencia e cartos con algún deses impresentables :(
Pero non, fomos avanzando ata que decidimos parar para cubrir parte das nosas necesidades a carón dun bonito lago cando xa levabamos 300 quilómetros percorridos.



Alí xantamos parte da comida que nos sobrara destes días: pan (de aquí porque o da casa hai tempo que o rematamos), nutela (porque a nocilla quedou en Madrid, no control de equipaxe), queixo, fiambre, un plátano e algunha que outra galletiña.





Cando marchabamos do entorno do lago fixemos unha parada moi especial pois vimos como unha tartaruga intentaba atravesar a estrada, tamén parou outro coche para axudala a cruzar cara ao lago. Que grande era!


Continuamos a viaxe e ás 18:00 estabamos en Kiev (Kyiv) circulando baixo unha intensa chuvia con 15ºC menos que no momento de saír do sur e intentando orientarnos para localizar o albergue no que estivemos a semana pasada. A ausencia de sinais púxonolo difícil unha vez máis pero desta decidimos coller un taxi que nos guiou directiños ao albergue por 50UAH (5€). Que ben!!! 

Descansamos un pedazo e saímos para ir cear, seguía a chover, no restaurante ao que xa fomos noutras ocasións e que nos resulta tremendamente acolledor con esas estanterías cheas de libros aínda que non entendamos nin papa do que poñen, e iso que xa imos entendendo algún que outro carácter cirílico ;)


Boas noites!!!



2 comentários:

Ismael disse...

Grazas a vos e ao ben que o contades estamos a aprender moito.
Que sorrisos cada vez que vos leo as vosas anecdotas (que me fan recordar as nosas) coa falta de indicadores, o estado das estradas ou esas inevitables perdas de horas dando voltas polas cidades tratando de atopar a saida...
Seguide a desfrutar e non deixedes de contarnos! ;)
Apertas.

Sabela disse...

Grazas Ismael. Nóa tamén lembramos en moitos momentos todo o que nos tes contado da vosa aventura... E iso que nós coma quen di non pasamos fronteiras ;)
Biquiños!!