2.6.12

Comezando a conta atrás...

Antes de nada quero agradecervos a fantástica acollida que lle estades dando a “O agasallo de Anya” (onte recibín un correo de Slide Share comunicándome que chegara ás 100 vistas nunha semana). 

GRAZAS!!!

Non vos imaxinades a ilusión que me fai saber que é do voso agrado e que incluso algunha de vós estades a traballar con el no cole ;))))


E agora, a falta de pouco máis dun mes para a nosa partida rumbo a Ucraína, infórmovos dos últimos acontecementos: unha de cal e outra de area...

O contacto cos orfanatos de alá segue a ser complicado, finalmente non poderá acompañarnos Ludmila na nosa estancia no seu país :(
Intentaremos que, cando menos, quede algún contacto feito para que nos resulte algo máis doado chegar e ser recibidos polos nenos e nenas ucraínas... 
Non sei porque me dá que habemos ter ben aventuras que contarvos ;)

En canto á recompilación de material, iso si que son boas novas!!! Practicamente estamos xa nos 100 quilos que era o obxectivo marcado nun principio e limitado polo peso que podemos transportar no avión.

Grazas, moitísimas grazas a todas e todos por conseguilo!!!




Xa sei que hai algunhas persoas que tiñades/tedes intención de colaborar aínda e quizais outras que, polas razóns que sexan, tedes o material e non nolo puidestes facer chegar. As que esteades nestas situacións non deixedes de contactar con nós pois poderiamos reducir un pouquiño máis a nosa equipaxe persoal para dar cabida a algunha que outra cousiña para os nenos e nenas de alá.

O que si vos agradecemos é que nolo fagades chegar ANTES DO 15 DE XUÑO pois entre esa data e a nosa saída cara a Ucraína queremos distribuílo todo en mochilas e así facer un reparto equitativo atendendo ás necesidades dos diferentes lugares que imos visitar. 
É só unha cuestión de organización pero moi importante e que quixeramos facer evitando os apuros e atracóns de última hora. Parécevos?

O dito entón, moitísimas grazas por seguirdes aí, por acompañarnos nesta aventura e por deixarnos levar alá un pedaciño de cada un e cada unha de vós.  


Sem comentários: