29.3.12

Humilde achegamento a Ucraína

Despois de meses preguntando en diversas librerías galegas e sobre todo tras consultar grandes librerías españolas con tenda virtual, case me atrevo a afirmar que non hai ningunha guía de viaxe sobre Ucraína en galego nin en español :(

Isto levoume a indagar sobre o país buscando en diferentes páxinas web ata chegar á elaboración deste humilde documento que me axude a min a ter unha visión algo clara do país e así podérllela transmitir a Iago, Ánxela, Paulo e Rosalía para facelos partícipes e coñecedores da realidade dun lugar ata agora descoñecido para nós.

Se alguén máis ten interese ou sinte curiosidade sobre todo isto que imos aprendendo, sabede que estamos encantados de compartilo con vós. Só tedes que dispoñer dun pouquiño de tempo para ler e desculparme por non citar a bibliografía consultada pero foron tantas as páxinas polas que naveguei que non me sinto capaz de rastrealas de novo para engadilas a este modesto texto. Tamén pido desculpas pola ausencia de imaxes pero non quero infrinxir os dereitos de autoría que poida ter calquera persoa sobre elas.

Dentro duns meses espero poder ofrecervos imaxes propias…

Ucraína é un país situado ó leste de Europa. A súa superficie é de 603 700 km2 e contaba con 48 760 000 habitantes no ano 2011. A modo de referencia, citar que España ocupa 504 645 km2 e posúe 47 190 493 habitantes. A capital de Ucraína é Kiev que está habitada por 2,5 millóns de persoas.

Xeograficamente limita coa Federación Rusa ó norte e mais ó leste, con Bielorrusia ó norte, con Polonia, República Eslovaca e Hungría ó oeste e con Rumanía e Moldavia ó suroeste. Polo sur limita co Mar Negro.

O territorio de Ucraína está atravesado polo río Dniéper que desemboca no Mar Negro, tamén cruzan o país os ríos Dniéster, Bug, Doniests e o Danubio que fai de fronteira natural con Rumanía.

A paisaxe é variada ó tratarse dun país moi extenso; montañosa ó oeste cos Montes Cárpatos, presenta unha gran estepa chá no centro e conta con paisaxe costeira no sur. Isto fai que o clima tamén varíe moito duns lugares a outros, predomina o clima continental con invernos moi fríos e veráns templados.

Ucraína formou parte primeiro de Rusia e despois da Unión Soviética (URSS) ata que esta chegou ó seu fin en 1991. Coa desaparición da URSS, Ucraína conseguiu a súa independencia e desde entón é unha República Presidencialista.

Actualmente preside o país, desde 2005, Víktor Yúschenko. Proclamouse presidente despois de ter lugar a coñecida como “Revolución Laranxa”; esta revolución consistiu en dez días de manifestacións pacíficas mediante as cales se conseguiu repetir os comicios que lle deran a vitoria ó candidato apoiado polo único presidente que houbera ata ese momento: Leonid Kuchma. Na repetición das eleccións a presidencia foi para Yúschenko.

Ucraína era considerada o “graneiro da URSS” xa que posúe grandes extensións de terra fértil na que se cultiva principalmente gran e verdura. É importante á cría de gando e teñen tamén gran importancia as reservas de minerais (carbón, ferro, manganeso e titanio) tendo que importar gas e petróleo doutros países.

A economía do país sufriu moito coa caída da Unión Soviética xa que estaba dominada por industrias pesadas que se dedicaban principalmente á produción militar, contaba tamén co maior arsenal de armas nucleares do mundo pero no ano 1992 asinou o Tratado de Redución de Armas Estratéxicas entregando tódalas armas nucleares a Rusia para a súa destrución.

Na década de 1990 caeu en picado a economía ucraniana (a inflación chegou a ser do 400%) pero desde o ano 2000 comezou a recuperar vivindo na actualidade un período de estabilidade (cunha redución da inflación de ata o 12,3%).

O idioma oficial é o ucraniano, trátase dunha lingua eslava similar ó ruso. Durante séculos o uso do ucraniano estivo prohibido polos zares e autoridades soviéticas pero, coa independencia do país, estase tratando de recuperar o idioma fomentando o seu uso desde as escolas e esperando que así lle vaia gañando terreo ó ruso que ata agora é a lingua maioritaria no país.

Desde o ano 1996, Ucraína conta con moeda propia, é o grivna (UAH) que se divide en 100 kopika. Actualmente, a día 13 de marzo de 2012, o cambio oficial de divisa é 1€ = 10,56 UAH

Ucraína conserva unas tradicións culturais moi arraigadas e asociadas á igrexa ortodoxa que é maioritaria no país. En Ucraína naceron as cancións e os bailes dos cosacos conservándose aínda en zonas rurais os seus himnos e danzas de sables. O instrumento musical nacional é a bandura, trátase dun instrumento de corda pulsada similar ó laúd. Os banduristas foron perseguidos na década de 1930 acusados de nacionalistas, algúns resultaron executados e outros enviados a campos de traballo.

Actualmente Ucraína, xunto coa lingua propia, intenta a recuperación das súas tradicións culturais.

A ensinanza obrigatoria en Ucraína dura doce anos, está en vigor desde 1999 e iníciase ós seis anos constando de catro anos de Educación Elemental (de 1º a 4º cursos), cinco anos de Educación Secundaria (de 5º a 9º) e tres de Educación Secundaria Superior (10º, 11º e 12º).



Sem comentários: