16.1.12

A voltas coa loxística.

Pois nestes días fixemos un importante avance nos preparativos da viaxe. Ademais de ir xuntando material, o que sen dúbida é importantísimo, precisamos tamén concretar outros “detalles” non menos importantes e para o que non quero esperar ó último momento.

Así é que xa temos billetes de avión, a verdade é que disto hai xa uns meses porque aproveitei unha oferta que lanzou Lufthansa a finais do verán, teremos que facer escala en terras alemás pero conseguimos así un prezo moi asequible ;)


O que si arranxamos nestes últimos días foi o tema do aloxamento. Repartimos as noites de estancia en Ucraína entre un albergue e mais unha casa.

Para isto tivemos en conta as boas experiencias que vivimos noutras viaxes aloxándonos en “albergues xuvenís” tanto por Europa como cando fomos a China. Ademais, o prezo resulta económico nas habitacións compartidas e velaí unha vantaxe máis de sermos seis pois reservei seis camas nunha habitación séxtuple e, aínda que compartamos baño, cociña e outros espazos comúns cos demais hóspedes, será moi cómodo dispoñer dun único dormitorio para nolos seis. Outra vantaxe dos albergues é que a maioría dispoñen de conexión a Internet para facilitarnos o contacto con vós e iso, sen dúbida, é un dato importante a ter en conta :)

A outra metade das noites que pensamos botar no país, pasarémolas nunha casiña que nos sae aínda máis económica que o albergue e… intentaremos nadar no Mar Negro!!! Hoxe mesmo asinei o contrato e reenvieillo ó propietario da casa despois duns días esperando pola tradución do ruso ó inglés. Ai, que nervios!!!

Dáme a sensación de que nos convén poñernos un pouco ó día co alfabeto cirílico pois toda axuda será pouca para darnos a entender ante a aquela boa xente.

Outro paso importante que temos que dar é o de alugar unha furgoneta na que nos collan tódalas “mochilinhas” que nos estades facendo chegar e as que aínda recibiremos, todos eses xoguetiños e quilos de material escolar co que esperamos poder conseguir bonitos sorrisos daquelas nenas e nenos para ofrecérvolos de volta pois estou segura de que, tanto a vós como a nós mesmos, axudarannos a sentirnos ben e iso… Non ten prezo!!!

Grazas por facerdes posible esta bonita aventura e por acompañarnos nela!!!


2 comentários:

Susana Losada disse...

Grazas á xente valente e xenerosa coma vos o mundo cambiará e temos esperanza de xustiza. Tan pronto poida, farei chegar o noso gran de area. Un bico moi grande

Sabela disse...

Ohhhhh! Moitas grazas por esas palabras tan fermosas, Susana.
Non sabes con que tremenda ilusión recibirei a vosa aportación e llela farei chegar ós nenos e nenas de Ucraína. Grazas!!!
Un biquiño grande, grande e moito ánimo.