O
de hoxe foi outro día dos máis completiños. Que cansanzo!!!
Mirando
estes días a guía que temos de Ucraína e observando o mapa de estradas,
desbotamos a opción de achegarnos á zona de Crimea e optamos por intentar
visitar o Delta do Danubio na fronteira con Rumanía.
Conseguimos
saír da casa arredor das 11h. e tras facer os cinco primeiros quilómetros xa
nos deu o alto un policía. Que rabia e impotencia!
Parounos
cando saiamos dunha rotonda cara á dereita sen cometer imprudencia ningunha (e
viñamos de ver como uns quilómetros antes a circulación era lenta e os coches
subían ás aceras ou ao arcén para avanzar por fóra da estrada). Era un home moi
desagradable que incluso repetía en ton burlón o que nós lle diciamos, cando se
achegou un compañeiro faláballe ao oído e ríanse os dous. Que panda de
maleducados e ladróns!!!
Como
xa vos estades imaxinando, non se contentou con ver a documentación do coche e
o carné de conducir de Carlos, axiña deu a entender que quería cartos e entón
Carlos –escarmentado pola experiencia anterior- sacou o que levaba preparado no
peto: un lote de billetes no que o de máis valor era de 50UAH e outros de 10,
5, 2 e 1 grivna. De seguida o policía lle botou a man ao de 50 (5€) e mandounos
marchar. Que noxo!!!
Pensando
en que o lugar ao que queriamos chegar estaba a algo máis de 200 km. case daban ganas de
voltar para a casa :( Pero non, seguimos adiante e non tivemos máis
percances.
Pasamos
incluso a Moldavia e no posto fronteirizo limitáronse a anotar o número de
persoas que iamos no coche e a hora en que entrabamos en territorio moldavo
para que, á saída, entregásemos ese papeliño a outro garda. A verdade é que daba
moi mal rollo ver as colas de coches alí parados e a policía rexistrándolles a
equipaxe.
O
malo seguen a ser as estradas pois as que din boas resultan case
intransitables. Chámanos a atención a xente que hai á porta das casas vendendo
cebolas, allos, mel, sandías, pexegos… e non acabamos de entender a quen lles
venden pois os lugareños cultivan e xente de fóra practicamente non se ve
ningunha.
Levounos
nada menos que tres horas e media chegar a Vylkobe atravesando unha auténtica
estepa con grandes extensións de terreo cultivado e un senfín de ríos e lagos.
Eran as 14:30 cando á entrada do pobo atopamos dun lado o letreiro que indicaba
que chegaramos e, do outro, o cemiterio.
Aquelo
que lin na guía de que esta localidade se pode considerar a Venecia de Ucrania
quédalle abondo grande… De todos modos, iso non quita que o Delta do Danubio
sexa máis que impresionante pero témome que mentres os accesos e o coidado do
lugar non melloren, pouca xente se achegará a visitalo.
Casualmente
atopamos a oportunidade de facer un paseo en barco que nos levou por diferentes
“rúas” de auga, todas as casas son do máis humilde que vos poidades imaxinar e
teñen saída ao río co cal, en vez de garaxe, contan cuns rudimentarios
embarcadeiros para acceder ás vellas e estartaladas barquiñas que lles permiten
desprazarse pola vila. A anchura do Danubio neste punto é espectacular e tamén
impresiona como se adentra por Vylkobe formando esas vías de comunicación.
Parécenos que a xente de aquí ten que ter economía de subsistencia.
Os rusos que viñan con nós no barco dicían que esta era a "rúa" principal da vila ;)
A
carón do embarcadeiro puidemos xantar aínda que a espera por unhas tortillas
francesas, ensaladas e patacas fritidas foi de algo máis de hora e meda. De
todos modos, a espera foi compensada co ben que nos soubo o xantar.
A
verdade é que estes lugares tan pintorescos, auténticos e aínda por explotar
teñen un encanto especial. Quizais dentro duns anos, cremos que fan falta
moitos anos para dar ese cambio, o lugar será máis semellante a Venecia,
Amsterdam, Amberes ou Copenhague pero daquela non cobrarán 2€ por persoa por
máis dunha hora de paseo en barco nin 2,50€ por un xantar tan bo como o que nos
zampamos ;)
Ás
18:30h decidimos comezar a viaxe de regreso pois, aínda sen contratempos,
prometía ser longa. Fomos desfacendo o camiño andado por estas estradas sen
indicadores e cheas de socavóns, cedimos o paso a cabras, ovellas, ocas, vacas…
e Rosalía incluso tivo ocasión de fotografiar a posta de sol en Moldavia.
En
pouco máis de tres horas estabamos xa instalados de novo na casa, cansos e
dispostos a darnos unha ducha e preparar a cea para despois deitarnos e
afrontar mañá un día de maior descanso e relax.
A ver se somos quen de ir nadar ao Mar
Negro…
Boas
noites!!!