1.8.11

Matinando

Xusto cando remata o mes de xullo quero dar por iniciado este Proxecto que aínda non ten nome porque non é doado sintetizar en tan só dúas ou tres palabras tódalas ideas e sentimentos que me ocupan a cabeza e mailo corazón desde hai xa uns días.

Todo comezou hai dúas semaniñas tras chegar de Cabo Verde facéndonos iso conscientes, unha vez máis, das necesidades básicas que moitos nenos e nenas non teñen cubertas; coincidiu tamén coa despedida ó equipo "Madia Leva" que participa estes días na interesante iniciativa de carácter humanitario "Mongol Rally 2011". Por outro lado, imaxino que ó igual que en tódalas casas con nenos e nenas, é un tema recurrente o de facerlles ver que non se debe tirar a comida que nos sobra, que non está ben mercar unhas zapatillas de 100€ se nos van facer o mesmo servizo ca outras de 30€, que é suficiente con ter unha consola para todos aprendendo así a compartila, que non fan falta dúas bicicletas se só podemos usar unha de cada vez... Tamén é habitual que estas conversas rematen coa "coletilla" de que hai moitos nenos e nenas que carecen ata dos mínimos necesarios para ter unha calidade de vida aceptable e iso é debido unicamente a que non tiveron a sorte de nacer deste lado do mundo...

Moitas veces penso que precisamente eses nenos teñen moito que ensinarnos xa que eles son capaces de ser felices co simple agasallo dunhas pinturas para colorear, son quen de sorrirlle agradecidos a quen os escoita e lles sorrí, son capaces de xogar horas e horas cunha pelota aínda que non sexa nova de todo, vense e están guapísimos con calquera prenda a pesar de non ir á última moda ou non ser de primeiro uso... Nin que dicir ten que eses valores son tan necesarios para o bo funcionamento da sociedade como o son outros bens materiais. Desgraciadamente, nós carecemos cada vez máis desas actitudes que a eles os honran ó tempo que nos sobran recursos materiais ou alimentos que eles precisan.

Así, matinando en todo isto, é como comecei a ilusionarme con levar adiante este Proxecto de Axuda Mutua que nace co obxectivo de intentar achegarnos un pouquiño ó equilibrio entre as necesidades duns e doutros.

Con moita ilusión acudín a Internet na procura de información sobre accións solidarias en países con escaso ou nulo apoio gubernamental e dirixíndome concretamente a aquelas nas que os principais beneficiarios fosen nenos e nenas. Sen saír de Europa, dei axiña coa infrahumana situación que se vive nos orfanatos de moitos países do leste.

Este foi o momento en que compartín con Carlos a idea pois contar coa súa inestimable axuda e dispoñibilidade é imprescindible para seguir adiante con ilusión.

Grazas unha vez máis a Internet, puiden contactar cunha persoa relacionada con este mundo que ando a descubrir: José Manuel. El, desde Málaga, animoume e incluso me facilitou o enderezo postal dun orfanato ucraniano situado 110 quilómetros ó leste de Kiev co que el xa ten colaborado.

O seguinte pasiño deino onte e consistiu en contarlle a Iago, Ánxela, Paulo e Rosalía o que andaba a artellar. Facelos partícipes e axudarlles a entendelo é tamén un proceso lento que xa deu lugar a multitude de preguntas e comentarios, fixo isto que mantivésemos unha conversa longa e seguro que moi produtiva. Resultoume curiosa a súa sorpresa ó descubrir que hai nenos loiros con necesidades...

E neste punto estamos, hai un pedazo que nos achegamos a Correos para enviar ata Yahotyn unha carta trilingüe en español-inglés-ucraniano para o que foi útil un tradutor que atopei na rede e que espero sexa unha boa ferramenta para facilitarnos a comunicación. No mesmo sobre incluín tamén unha fotografía para que nos "poñan cara", unhas pequenas láminas de pegatinas para os nenos e nenas, unha postal, un sobre co noso enderezo por se lles parece oportuno contestar e... gran cantidade de ilusión e simpatía cara a eles desexando que este sexa o inicio dun bonito proxecto mediante o cal nos prestemos axuda e incluso quizais algún día cheguemos a coñecernos fisicamente...

Decateime tamén de que isto do correo postal é toda unha "novidade" para os nenos de hoxe en día. É curioso, a que si?





Agora esperaremos a resposta deles sabendo que pode tardar moito tempo ou incluso non chegar por calquera motivo ou razón... Mentres agardamos ocuparémonos en pensar un nome para o Proxecto, unha imaxe ou debuxo que o defina, temos unha data de inicio e estableceremos unha como final, decidiremos que material imos reunir e de que maneira o conseguiremos, buscaremos tamén a maneira máis eficaz de facelo chegar a un país tan distante do noso...

E a vós, fieis seguidoras e seguidores de "Mochilinhas", só nos queda agradecervos igual ca sempre o inestimable apoio e acompañamento tamén nesta nova "aventura". Acomodádevos ben que esta promete ser longa ;)

Grazas e benvidas!!!

9 comentários:

Aivou disse...

Grazas a ti por matinar, por ilusionarte, por buscar, por atopar e por facernos participar nos teus proxectos... grazas Mochilinhas :o*

tony disse...

Isto esta ben, esta moi ben, noraboa, pero tes que seguir ¿non si?, animo BICOS PARA TODOS Tony

Irene Piñeiro disse...

Sabela nunca deixarás de sorprenderme, que grande eres ;) Que podo dicir? Que me encanta este proxecto que estades levando a cabo e ademais implicando a toda a familia, o que fará que Paulo, Rosalía, Iago e Ánxela aprendan moito neste intercambio de culturas e valoren aínda máis todo o que teñen, que de seguro xa o fan despois de que as mochilinhas partisen cara a recantos de todo o mundo (como foi Cabo Verde).
Eu, co voso permiso, embárcome nesta marabillosa aventura e para o que sexa necesario aquí tedes a miña axuda e colaboración.
Noraboa pola iniciativa e...a esperar intrigados por esa resposta :) Que ilusión!!

Sabela disse...

Estou encantadísima sabendo que estades aí, a verdade é que xa contaba con vós pois do contrario non tería forzas nin tanta ilusión para iniciar isto nin para seguir adiante. Non só me alegro de contar con vós senón que o preciso e seguro que máis aínda nestes vindeiros meses.
Moitas grazas!!!
Si Irene, tárdame moito que contesten pero tamén teño claro continuar de todos modos pois canto máis indago máis consciente son das súas carencias e necesidades. O que non quero esquecer tampouco é que imos recibir moito máis do que sexamos capaces de darlles. Un biquiño!

Xosé Antón disse...

Non paras, Sabelas.... Apertas

Belén disse...

Recórdoche o que moitas veces che digo: "admírovos". Xa sabes que me parece unha idea xenial todo o que ides facer e que podedes contar co noso apoio tanto moral como material. Seguiremos pendentes desta viaxe e de todo o que nos vaiades contando, porque esta aventura promete!!Bicos

Anónimo disse...

Muchísima suerte, Sabela, con tu proyecto!! Un saludo desde Málaga. José Manuel (Orfanatos del Este)

Sabela disse...

Muchísimas gracias José Manuel por todo tu apoyo y ayuda. Seguiremos en contacto. Un saludo.

Sabela disse...

Moitísimas grazas Ester! Alégrame que che guste a idea, a verdade é que a "volta ó cole" se presta mogollón. Un biquiño!!