21.7.12

Xoves, 19 de xullo.


O de hoxe foi outro día dos máis completiños. Que cansanzo!!!

Mirando estes días a guía que temos de Ucraína e observando o mapa de estradas, desbotamos a opción de achegarnos á zona de Crimea e optamos por intentar visitar o Delta do Danubio na fronteira con Rumanía.

Conseguimos saír da casa arredor das 11h. e tras facer os cinco primeiros quilómetros xa nos deu o alto un policía. Que rabia e impotencia!
Parounos cando saiamos dunha rotonda cara á dereita sen cometer imprudencia ningunha (e viñamos de ver como uns quilómetros antes a circulación era lenta e os coches subían ás aceras ou ao arcén para avanzar por fóra da estrada). Era un home moi desagradable que incluso repetía en ton burlón o que nós lle diciamos, cando se achegou un compañeiro faláballe ao oído e ríanse os dous. Que panda de maleducados e ladróns!!!
Como xa vos estades imaxinando, non se contentou con ver a documentación do coche e o carné de conducir de Carlos, axiña deu a entender que quería cartos e entón Carlos –escarmentado pola experiencia anterior- sacou o que levaba preparado no peto: un lote de billetes no que o de máis valor era de 50UAH e outros de 10, 5, 2 e 1 grivna. De seguida o policía lle botou a man ao de 50 (5€) e mandounos marchar. Que noxo!!!

Pensando en que o lugar ao que queriamos chegar estaba a algo máis de 200 km. case daban ganas de voltar para a casa :( Pero non, seguimos adiante e non tivemos máis percances.
Pasamos incluso a Moldavia e no posto fronteirizo limitáronse a anotar o número de persoas que iamos no coche e a hora en que entrabamos en territorio moldavo para que, á saída, entregásemos ese papeliño a outro garda. A verdade é que daba moi mal rollo ver as colas de coches alí parados e a policía rexistrándolles a equipaxe.
O malo seguen a ser as estradas pois as que din boas resultan case intransitables. Chámanos a atención a xente que hai á porta das casas vendendo cebolas, allos, mel, sandías, pexegos… e non acabamos de entender a quen lles venden pois os lugareños cultivan e xente de fóra practicamente non se ve ningunha.

Levounos nada menos que tres horas e media chegar a Vylkobe atravesando unha auténtica estepa con grandes extensións de terreo cultivado e un senfín de ríos e lagos. Eran as 14:30 cando á entrada do pobo atopamos dun lado o letreiro que indicaba que chegaramos e, do outro, o cemiterio.



Aquelo que lin na guía de que esta localidade se pode considerar a Venecia de Ucrania quédalle abondo grande… De todos modos, iso non quita que o Delta do Danubio sexa máis que impresionante pero témome que mentres os accesos e o coidado do lugar non melloren, pouca xente se achegará a visitalo.
Casualmente atopamos a oportunidade de facer un paseo en barco que nos levou por diferentes “rúas” de auga, todas as casas son do máis humilde que vos poidades imaxinar e teñen saída ao río co cal, en vez de garaxe, contan cuns rudimentarios embarcadeiros para acceder ás vellas e estartaladas barquiñas que lles permiten desprazarse pola vila. A anchura do Danubio neste punto é espectacular e tamén impresiona como se adentra por Vylkobe formando esas vías de comunicación. Parécenos que a xente de aquí ten que ter economía de subsistencia.







Os rusos que viñan con nós no barco dicían que esta era a "rúa" principal da vila ;)






A carón do embarcadeiro puidemos xantar aínda que a espera por unhas tortillas francesas, ensaladas e patacas fritidas foi de algo máis de hora e meda. De todos modos, a espera foi compensada co ben que nos soubo o xantar.



A verdade é que estes lugares tan pintorescos, auténticos e aínda por explotar teñen un encanto especial. Quizais dentro duns anos, cremos que fan falta moitos anos para dar ese cambio, o lugar será máis semellante a Venecia, Amsterdam, Amberes ou Copenhague pero daquela non cobrarán 2€ por persoa por máis dunha hora de paseo en barco nin 2,50€ por un xantar tan bo como o que nos zampamos ;)

Ás 18:30h decidimos comezar a viaxe de regreso pois, aínda sen contratempos, prometía ser longa. Fomos desfacendo o camiño andado por estas estradas sen indicadores e cheas de socavóns, cedimos o paso a cabras, ovellas, ocas, vacas… e Rosalía incluso tivo ocasión de fotografiar a posta de sol en Moldavia.





En pouco máis de tres horas estabamos xa instalados de novo na casa, cansos e dispostos a darnos unha ducha e preparar a cea para despois deitarnos e afrontar mañá un día de maior descanso e relax. 
A ver se somos quen de ir nadar ao Mar Negro…

Boas noites!!!

Sem comentários: