21.7.12

Mércores, 18 de xullo.


O de hoxe foi un relativamente tranquilo, vivimos unha vez máis as consecuencias dun país que carece de sinais e indicadores…



Non madrugamos e pasamos a mañá pola casa para marchar despois ata Illichivs´k e pasar un pedazo nesa vila costeira. A continuación intentamos chegar a Odessa pretendendo visitar a zona vella que o outro día pateamos baixo a chuvia.
Por incrible que poida parecer, estivemos máis de tres horas dando voltas no coche e sen ser quen de chegar ata o centro. Que impotencia!!!
Decidimos entón voltar á casa para facer a cea e descansar suficiente xa que mañá queremos ir de excursión ao sur do país pasando pegadiño a Moldavia e a escasos quilómetros de Rumanía, pretendemos chegar a un lugar chamado Vylkove que se coñece como a “Venecia de Ucraína”, é unha localidade que está situada no delta do Danubio nunha zona que é Reserva da Biosfera. A verdade é que promete ser moi interesante, esperamos poder chegar sen grandes contratempos…



Boas noites!!!



Martes, 17 de xullo.

Hoxe foi outro día intenso. Erguémonos descansados e sen présas para almorzar na casa. Aproveitamos as primeiras horas da mañá para lavar roupa, limpar un pouquiño e distribuír en mochilas pequenas e coloridas o contido dos dous bolsos grandes que aínda nos quedan.





Despois lanzámonos á aventura co mapa de estradas, un enderezo que atopei hai meses en Internet (é un dos orfanatos cos que intentei contactar por correo postal sen chegar a recibir resposta) e cun papeliño no que Наталия escribiu en ucraniano algo así como que somos unha familia de Galicia (España) coa única pretensión de darlles material escolar para os nenos e nenas do orfanato. Con esta importantísima “equipaxe” saímos da casa cara a Bilhorod-Dnistrovsky.






Tras circular durante hora e media por este tipo de estradas cheas de baches e socavóns pero contemplando unha paisaxe impresionante que incluíu a desembocadura do Río Dniéster no Mar Negro, tras esa viaxe que nos resultou levadeira chegamos a Bilhorod-Dnistrovsky e atopamos unha enorme fortaleza construída polo pobo moldavo entre os séculos XIII e XV. Accedimos á fortaleza podendo camiñar polos seus muros e visitar os torreóns. Alí mesmo tomamos unhas salchichas que xa nos serviron de xantar.






A continuación comezamos a búsqueda do orfanato sen moitas esperanzas de atopalo á vista do difícil que nos resultou nas outras ocasións aínda contando coa inestimable axuda de Наталия e mais do GPS.
Preguntamos a un par de persoas pola rúa ata dar coa terceira qe foi unha velliña das que levan pano na cabeza igual cas nosas avoas galegas de hai corenta anos. Cando lle ensinei o papel co enderezo, a señora axiña soubo do que lle falaba e esforzouse moito para darse a entender, ante as dificultades que tiñamos para entendernos parou a un rapaciño novo que pasaba pola rúa, el tampouco falaba inglés pero ofreceuse para acompañarnos e subiu á furgoneta para ir con nós. Démoslle unha propina e manifestouse tremendamente agradecido o bo do rapaz… e nós tamén!!!
                                                          
Este orfanato pareceunos dos máis necesitados e deunos a entender que canto máis lonxe están da capital, menos axudas gubernamentais deben recibir. Conta con dous edificios, un para maiores a partir de 7 anos e outro para os menores desa idade. No primeiro edificio só estaba o porteiro quen logrou explicarno que os rapaces estaban pasando este mes no mar e indicounos onde estaba o outro orfanato. Neste botaron man do teléfono e así un señor desde outro punto fixo de intérprete falando comigo por un lado e mais coa señora que nos atendeu por outro. Contoume que teñen arredor de douscentos nenos e nenas e moitas dificultades para poder atendelos, as instalacións víanse deficitarias e cos nenos non estivemos pois, aínda que nos gustaría, non o solicitamos para evitar que se poidan sentir incómodos (abondo teñen os pobres). O que fixemos foi deixarlles os vosos agasallos no despacho da directora que, desgraciadamente, estaba moi ben acondicionado e nada tiña que ver co lugar onde estaban os nenos :(









De volta a casa paramos en Illichivs´k para facer a compra e botarnos un par de veces polo tobogán cos nenos e nenas ucraínos.


Satisfeitos co lugar onde deixamos as últimas “mochilinhas” desandamos o camiño andado sen ningún contratempo e gozando novamente co impresionante encontro entre o Río Dniéster e o Mar Negro. Todo un espectáculo!!!



Acomodámonos na casa, preparamos unhas tortillas, recollemos a roupa xa seca, duchámonos e os pequenos entretivéronse montando un ventilador coma se dun xoguetiño dos “ovos Kinder” se tratase…



E cansos, moi cansos unha vez máis, deitámonos esperando por un novo día e sentindo a satisfacción de ter cumprido coa misión de entregar TODAS as vosas cousiñas a nenos e nenas que cremos as necesitan máis ca nós.

Grazas!!!

Luns, 16 de xullo.


Hoxe non madrugamos, non puxemos o despertador e xa eran as 10:00 cando acordamos neste lugar tranquilo no que se escoita o cantar do galo ademais de grilos, cigarras, paxaros e outros animaliños.

Despois de almorzar saímos cara a Odessa para visitar a cidade e con intención de pasar a tarde na praia. Paramos nun lugar que nos pareceu algo céntrico e demos cunha praza na que había un gran teatro no que precisamente esta semana se celebra o Festival Internacional de Cine de Odessa.


Nas súas inmediacións atopamos onde mercar un plano da cidade e con el nos orientamos ata chegar á Cidade Vella. A sofocante calor que facía de seguida deu paso a unha gran tormenta con chuvia torrencial e abundante aparato eléctrico polo que o resto da visita a Odessa fixémolo ou ben baixo a auga ou ben ás carreiras para protexernos dela. Que maneira de chover!!!




Coas dificultades propias de conducir por unha cidade grande e descoñecida, chegamos por fin ás Escaleiras de Potemkin con sona grazas á rodaxe da película “O acorazado de Potemkin”. Nese momento a chuvia arreciaba con forza e só nos animamos Rosalía e mais eu a seguir en busca delas para baixalas e subilas de novo: 192 chanzos!!!




Ás sete e media decidimos iniciar o camiño de volta a casa con intención de chegar a unha hora prudente pois a distancia entre Odessa e Velykodolins´ke é tan só de dez quilómetros…
O que en principio parecía que podía ser media hora de coche convertiuse en nada menos que ¡dúas horas e media! pois as estradas, ademais de ter mal firme, carecen de indicadores nos que figuren os nomes das localidades e tampouco aparece por ningures o nome ou número das estradas para tomalo como referencia. Así que en vez de chegar ás oito, atopamos a casiña ás dez e xa con noite pecha…

Duchas, ceas, algo de entretemento e a durmir que mañá temos intención de chegar ata Bilhorod-Dnistrovsky que é unha cidade situada no delta do Danubio. Sabemos que nesta localidade hai polo menos un orfanato e intentaremos dar con el pero témome que non podemos prometer nada… Xa vos contaremos se somos quen de atopalo e deixarlles algunhas das cousiñas que aínda temos por repartir.

Boas noites!!!

Domingo, 15 de xullo.


Hoxe tiñamos que deixar o albergue ás 11:00h. e xusto ás 10:50, tras almorzar e recoller os 11 m2 de cuarto nos que tan cómodos estivemos durante estas tres noites, despedímonos da rapaza que o atende e quedamos en vernos de novo o vindeiro sábado que é cando temos previsto volver do Mar Negro.

Sen a tranquilidade que nos aportaba o GPS, pois non resucitou a pesar da pequena esperanza que eu aínda gardaba, saímos dirección Odessa e circulamos durante case 500 quilómetros por unha das mellores estradas que hai no país. Parecíase a unha autovía pero co firme moi irregular e deteriorado, con tractores e maquinaria agrícola, coa xente atravesando por calquera lugar e vendendo variados produtos do campo en ambas marxes da estrada. A paisaxe é totalmente chá e obsérvanse grandes plantacións de cereais, con razón se consideraba Ucraína como o graneiro da antiga URSS.

Aproximadamente na metade do camiño tivemos un contratempo moi desagradable. Parounos a policía e hoxe si que non había motivo ningún para deternos, tras ensinarlle Carlos a documentación do coche, pasaporte e mais o seu carné de conducir internacional, fxérono baixar do coche e acompañar ao policía a un local no que, estando os dous sós, pediulle 3500 UAH (350€), cando Carlos insistiu preguntando a razón pola que lle tiña que dar eses cartos limitouse a dicir que circulabamos a máis velocidade da permitida cando iso nin era certo nin puido demostralo de ningunha maneira… Discutiron acaloradamente porque aquelo era un roubo e entón fíxolle poñer sobre a mesa os cartos que levaba e menos mal que naquel peto só tiña 1250 grivnas; Carlos non consentía que se quedase con todo contándolle que tiña catro fillos aos que alimentar e chegando incluso a sacar o móbil para chamar á embaixada… Finalmente estafáronnos 700 grivnas (70€) e deixáronnos moi mal corpo, moita rabia e indefensión pois sabemos que ante calquera problema non se pode contar coa súa axuda e temendo que noutro momento volva ocorrer… O que si faremos é contactar coa Embaixada Ucraína en España para que saiban o que están a facer e de que maneira os prexudica de cara a abrirse ao turismo :(  


En fin, fixemos unha pequena parada para xantar e seguimos pois queriamos chegar algo cedo ante a incertidume de se nos sería doado atopar a casiña na que pasaremos os vindeiros días. Sentímonos moi ben ao ver que o GPS non é imprescindible e de que segue a ser suficiente co mapa de estradas para chegar á primeira á pequena localidade na que nos instalaremos, Velykodolyns´ke.

É un lugar rural que nada que ver con Kiev, por suposto. Unha casiña no campo con finca e xardín propio. Alí estaban para recibirnos os pais do señor co que eu “tratei” hai xa un montón de meses pois el vive fóra; conseguimos entendernos grazas ao ruso (ou ucraniano) desta xente e o escaso inglés do fillo e mais meu que falabamos por teléfono facendo así el de intérprete. Toda unha experiencia!!

Como aínda eran as seis da tarde e a temperatura fóra chegaba aos 40º, decidimos coller os bañadores e marchar en busca da praia. Alí se deron un baño Carlos, Paulo e mais Rosalía. Que ilusión nadar no Mar Negro!




Despois atopamos aberto un gran supermercado e alí enchemos o carro da compra para facer de cear ao chegar a casa e cociñar algo máis nos vindeiros días.



E así, cansos, malhumorados co episodio do policía e excesivamente acalorados deitámonos para descansar e intentar vivir mañá un día algo máis tranquilo dentro do que a ansia por coñecer lugares nos permita.

Ata mañá!!!

15.7.12

Sábado, 14 de xullo.

Alá vai xa outro día completísimo!!!

Despois de almorzar no albergue baixamos para cambiar de novo euros por grivnas e atoparnos con Наталия. Igual ca onte, desfixemos outros dous bolsos grandes (e van catro de seis) para levar o material en mochiliñas de menor tamaño e maior colorido ;)

Hai que ver con que gusto cargamos con elas!!!




Hoxe comezamos a expedición con peor pé ca onte pois cando aínda estabamos intentando saír de Kiev cometemos unha pequena infracción de tráfico con tal sorte que axiña a policía nos deu o alto :( Quedáronse co carné de Carlos ata que interviu Наталия quen, coñecedora dos costumes do seu país, ofreceulles cartos ata que nolo devolveron por 200 UAH (20 €). Que susto e que mal rollo!!!

Seguimos coa gran axuda do GPS e a facilidade dela para comunicarse coa xente. Así conseguimos chegar, tras circular durante 50 km. e un montón de tempo por estradas realmente malas ao primeiro orfanato que queriamos visitar. A verdade é que, tras a boa impresión que nos deron os de onte, Наталия falou cunha amiga que lle indicou o enderezo deste no que vimos grandes carencias e necesidades. De feito, deixámoslles máis mochiliñas das inicialmente previstas. O aspecto dos nenos e nenas que vimos era de moita necesidade e falta de saúde, comprenderedes que non fixeramos fotos con eles pois consideramos que sería unha falta de respecto á súa intimidade; deixámoslle as mochilas á directora e fíxonos pasar a unha sala para que algúns dos 105 nenos de entre 0 e 4 anos que alí viven, nos desen as grazas. Só dicirvos que no mesmo local ao que nos asomamos había un grupiño comendo mentres outros, xusto ao lado destes, facían as súas necesidades sentadiños nunhas bacinillas ao tempo que falaban con nós...




Saímos deste orfanato e circulamos por ese mesmo tipo de estradas ata chegarmos á localidade de Bucha e dar con outro lugar no que viven 238 nenos e nenas de idades moi variadas. A verdade é que aquí non vimos que houbese moita necesidade pero, despois de chegar alí e dicirnos a encargada que efectivamente precisaban material escolar, decidimos deixarlles unha parte do que levabamos antes de marchar de novo para Kiev.


Ao chegar outra vez á capital fomos xantar ao mesmo restaurante de comida soviética ca onte. Resúltanos moi cómodo porque é autoservizo ademais de ser a comida abundante e barata. Despois decidimos seguir coñecendo a cidade e para iso iniciamos o longo percorrido por ela nun gran parque no que atopamos o Museo das Bonecas, atraccións infantís, o paseo dos namorados e tamén puidemos ver o Estadio do Dynamo de Kiev.





De volta ao coche tivemos un pequeno incidente sen importancia pois perdémonos de vista os uns dos outros, dun lado Наталия con Carlos e Rosalía e por outro Paulo, Ánxela, Iago e mais eu, os móbiles non nos funcionaron pero como tanto uns coma os outros sabiamos chegar ata o punto onde deixaramos a furgoneta atopámonos alí despois dun bo pedazo ;)

E antes de regresar ao albergue localizamos o Estadio Olimpiyskiy de Kiev pois, principalmente a Ánxela e a Rosalía, facíalles moita ilusión ver o lugar no que se xogaron os partidos da Eurocopa. Chegamos alí entre unha tremenda marea de xente que acudía para ver o partido do Dynamo de Kiev. Tras observar durante un pedazo o ambiente creado arredor do estadio, regresamos ao albergue despois de case doce horas fóra del.


Antes deixamos a Наталия e despedímonos dela con moita gratitude. Foi tremendamente simpática, agradable, atenta, mostrábase ela moi agradecida e incluso hoxe lles trouxo unhas piruletas e cousiñas para Paulo e Rosalía. Canto cariño lle collemos en tan só dous días... Ogallá poidamos vernos de novo algún día!!!

O regreso ao albergue foi algo máis complicado xa que o GPS, que de tantos apuros nos sacou xa nestes tres días, deixou de funcionar cando intentaba programalo para voltar a casa.
Buff! Por un momento vimos a necesidade de mercar outro de seguida, pero despois pensamos en cantos países nos desenvolvimos cun simple mapa de estradas antes de que existisen tales aparellos.
Así que, a non ser que resucite durante esta noite, mañá lanzarémonos á aventura de atravesar este enorme país (disque é o segundo de Europa en superficie) de norte a sur coa única axuda do mapa de papel...

Esperamos axiña poder darvos noticias desde o Mar Negro, a ver se desde alí tamén temos oportunidade de conexión a Internet e así seguiremos mantendo este contacto con vós que tanto nos presta.

Boas noites!!!

PD A nosa equipaxe xa pesa case 100 quilos menos ;))))))